Tuesday 07 de May de 2024

O Concello promove a declaración como Ben de Interese Cultural dos murais de Lugrís da rúa Olmos co fin de conferirlles a máxima protección


O Concello encarga aos profesores da USC Juan M. Monterroso e Begoña Fernández os informes para promover o expediente de declaración como BIC

O Concello da Coruña vén de poñer en marcha o procedemento para a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) os doce murais de Lugrís localizados no número 25 da rúa Olmos, nas paredes do antigo restaurante Fornos.

Así, o Concello promove a declaración de ditas obras como BIC, para o cal contará cos informes e asesoramento de Juan M. Monterroso, especialista na obra de Lugrís e profesor e investigador do departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, e de Begoña Fernández Rodríguez, profesora titular do mesmo departamento.

A declaración como BIC de ditas obras ten como obxectivo aumentar o nivel de protección co que contan ditas obras, que actualmente xa están catalogadas, mais non co máximo nivel de protección que outorga a declaración como BIC. En paralelo ao novo proceso, o Concello está a levar a cabo diversas accións desde novembro do ano pasado, cando se detectaron desperfectos no edificio, que levaba anos pechado. O Concello solicitou entón da propiedade que lle facilitase o acceso ao inmoble para comprobar o estado das obras do pintor, ao tempo que notificaba a situación a Patrimonio da Xunta de Galicia.

O Concello accedeu finalmente ao inmoble e puido comprobar o estado das pinturas en distintas visitas, así como encargar un informe sobre o seu estado. Segundo comprobaron os técnicos, os murais de Lugrís son recuperables, mais todos eles atópanse en mal estado de conservación, nalgún caso, crítico. Os informes encargados polo Concello indican que é precisa unha actuación urxente para fixar o soporte e consolidar as pinturas, que posteriormente deberán ser obxecto dunha restauración para recuperar as características orixinais despois de anos de deterioro, en primeiro lugar polo uso do local como establecemento hostaleiro (con aportación de fumes e aceites) durante case 60 anos, e en segundo lugar polas condicións nas que se atopa desde o seu peche, cun elevado grao de humidade.

En vista de dito informe, o Concello requiriu aos propietarios dos murais, que están catalogados, que acometan actuacións de consolidación por valor de 90.000 euros. En caso de non facelo, o propio Concello acometerá eses traballos de xeito subsidiario.